Mostrando entradas con la etiqueta Ourense (escudos oficiais). Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ourense (escudos oficiais). Mostrar todas las entradas

5 feb 2009

Xunqueira de Espadañedo (escudo)


Decreto 277/1997, do 25 de setembro DOG núm. 194 (8 de outubro de 1997)
De azur (azul), unha xunqueira de ouro (amarelo), terrasada do mesmo, resaltada dunha banda xadrezada de dúas ordes de gules (vermello) e prata (branco) e acompañada de dous lises de ouro, dispostas no cantón destro da punta e no cantón sinistro do xefe. Ó timbre, coroa real pechada.
A xunqueira terrasada, que se incorpora como motivo parlante ás armas deste municipio, compleméntase coa banda xadrezada e as lises que figuraban nos emblemas da congregación cisterciense, como xustificada alusión ó antigo mosteiro cisterciense de Santa María, que coa súa monumentalidade concede certa singularidade á capital deste municipio.

Vilariño de Conso (escudo)


Decreto 300/1994, do 30 de setembro DOG núm. 199 (14 de outubro de 1994)
De ouro (amarelo), dúas ondas de azur (azul); bordura de gules (vermello), con dez aspas de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.
Os numerosos cursos de auga, tanto de tipo pluvial como nival, que discorren por este Municipio e que pertencen á conca do Sil é traída como motivo predominante ó campo do seu escudo. Como complemento, dez aspas de amarelo dispostas na bordura, que representan o número de parroquias que conforman o termo municipal.

Vilardevós (escudo)


Decreto 479/1997, de 12 de decembro DOG núm. 251 (30 de decembro de 1997)
De gules (vermello), a cruz da Orden de San Juan, ou de Malta, de prata (branco); xefe de azur (azul) con tres vieiras de prata. Bordura de sabre (negro) cunha cadea de ouro (amarelo). Ó timbre, coroa real pechada.
As armas deste concello incorporan como motivo fundamental a cruz da Orden de San Juan, ou de Malta, en alusión á pertenza dalgunhas parroquias do municipio –Osoño, Vilarello da Cota ou Enxames– á antiga encomenda de Osoño, incorporada despois na de Portomarín, do cal quedan abundantes testemuños. Como complementos inclúense un xefe con vieiras, en alusión ás rotas xacobeas que confluían no vello camiño de Castela, e unha bordura con cadea sobre negro que recorda, finalmente, a presencia xurisdiccional e o influxo histórico da gran Casa de Monterrei.

Vilar de Barrio (escudo)


Decreto 194/1995, do 16 de xuño DOG núm. 126 (3 de xullo de 1995) Corrección de erros: DOG núm. 151 (8 de agosto de 1995)
Partido. Primeiro: de azur (azul), unha espada de prata (branco), posta en barra e acompañada, no alto, dunha cruz chá e recortada de ouro (amarelo) e, no baixo, dunha vieira tamén de ouro; segundo: de gules (vermello), unha xerra de prata coas azucenas de mesmo. Ó timbre, coroa real pechada.
A espada, acompañada da cruz e vieira, emblemas propios das armerías traídas polos sucesivos marqueses de Bóveda de Limia, tan vinculados ás terras que hoxe conforman o municipio de Vilar do Barrio, combínanse –por medio dun partido– co consabido emblema mariano da xerra con azucenas, co que este Concello quere aludir ós señoríos eclesiásticos que outrora tiveron asento nestas terras.

Verea (escudo)


Decreto 17/1996, do 12 de xaneiro DOG núm. 20 (29 de xaneiro de 1996)
De ouro (amarelo), unha cruz llana de sinople (verde) cantonada, na destra do xefe, dun carballo da súa cor. Ó timbre, coroa real pechada.
A denominada cruz de Verea, que é a que forman ó cruzarse a vía romana secundaria, que entra no municipio polo alto de Vieiro, e o camiño que vén desde Forriolo, ten cabida como figura principal nos dous emblemas deste concello. Como complemento, no cantón destro do xefe disponse un carballo, que recorda ó de Santa María de Cexo, santificado pola tradición local.

A Teixeira (escudo)


Decreto 181/1996, do 9 de maio DOG núm. 100 (22 de maio de 1996)
De sinople (verde), dúas espigas de ouro (amarelo) postas en aspa e acompañadas, no centro do xefe, dun acio de uvas do mesmo; bordura de ouro con oito aspas de sinople. Ó timbre, coroa real pechada.
As armas deste Municipio organízanse coa inclusión de oportunas alusións á producción vinícola e ás actividades agrícolas en xeral, que son fonte de riqueza de especial significación na súa vida económica. Como oportuno complemento, sitúanse na bordura oito aspas que recordan as oito parroquias que hoxe conforman o termo municipal.

Sarreaus (escudo)


Decreto 176/1997, do 29 de maio DOG núm. 130 (8 de xullo de 1997)
De ouro (amarelo), dúas xunqueiras da súa cor, sobre ondas de azur (azul) e prata (branco), acompañadas no alto da cruz e vieiras da Orden de Santiago. Ó timbre, coroa real pechada.
As armas deste Concello organízanse traendo ó campo como motivo fundamental dúas xunqueiras sobre ondas, entendidas como alusión á comarca da Limia Alta e, en particular, á lagoa de Antela e a todo o seu contorno pantanoso. Xunto a iso, dispóñense no xefe o consabido emblema da cruz e vieiras, propio da Orden de Santiago, en recordo á importante Encomenda da Barra, á que historicamente cabe vincular boa parte das terras deste termo municipal.

San Amaro (escudo)


Decreto 123/2000, do 11 de maio DOG núm. 103 (29 de maio de 2000)
De sinople (verde), un sarmiento coas súas follas e acio de ouro (amarelo), surmontado de tres torres de prata (branco). Ó timbre, a coroa real pechada.
Tráense ó campo deste escudo dúas alusións oportunas e concretas. A primeira, o sarmiento coas súas follas e acio, estilizada representación heráldica que serve para aludir á importancia que neste municipio ten o cultivo do viñedo; esta alusión adquire maior significado se se considera que no século XVIII alcanzaba unha das porcentaxes máis altas de Galicia e que segue a se-la máis importante, a pesar do seu brusco retroceso durante o século XIX. A segunda representación, de carácter histórico e monumental, son as tres torres, que aluden ós pazos que aquí aínda se conservan (Sabariz, Eiras, Touza) e que son símbolos ben caracterizados do pasado histórico destas terras.

Riós (escudo)


Decreto 207/2000, do 21 de xullo DOG núm. 157 (14 de agosto de 2000)
De ouro (amarelo), un castiñeiro da súa cor, arrancado e acompañado na punta de dúas ondas de azur (azul); bordura de sable (negro), coa cadea de ouro. Ó timbre, a coroa real pechada.
Este escudo constrúese con tres alusións representativas da singularidade deste municipio. As ondas azuis, que evocan o propio topónimo, e o castiñeiro ó natural, que é representación da especie arbórea predominante dentro do termo municipal, que ten unha riqueza forestal moi importante. A cadea de ouro sobre negro permite perpetua-lo recordo, como fixeron outros municipios do contorno, da histórica vinculación destas terras coa gran Casa de Monterrei, cunha presencia histórica que ten, neste caso, unha significación moi especial, pois aquí localízanse os núcleos orixinarios dos extensos patrimonios que dominou durante varios séculos.

Ramirás (escudo)


Decreto 302/1996, do 12 de xullo DOG núm. 147 (29 de xullo de 1996)
De prata (branco), nove paos ondados de azur (azul); franco-cuartel de gules (vermello) coa cruz floronada de ouro sobre o compás do mesmo e aberto dende a punta. Ó timbre, coroa real pechada.
Os nove paos ondeados que se traen ás armas deste Concello son alusión ás célebres «levadas» do río Tuño, obra hidráulica de singular importancia e moi característica das terras que conforman o termo municipal. A representación complétase oportunamente cun franco-cuartel no que se dispoñen a consabida cruz e compás –evolución caprichosa, pero aceptada, do crismón medieval– que figuran nos emblemas do famoso mosteiro de Celanova, baixo esta xurisdicción permaneceu durante séculos boa parte deste Municipio

Rairiz de Veiga (Ourense)


Decreto 191/1995, do 16 de xuño DOG núm. 126 (3 de xullo de 1995)
De ouro (amarelo), unha árbore arrincada de sinople (verde); xefe de ouro, con tres paos de gules (vermello). Ó timbre, coroa real pechada.
Tráese como motivo principal ás armas deste Concello a célebre carballa da Rocha, á sombra da cal ten lugar cada 24 de setembro a tradicional Romaría da Saínza. Como complemento oportuno disponse un xefe con tres paos vermellos, que aluden á Nosa Señora da Mercede, baixo a súa advocación sitúase desde o ano 1830 a célebre Capela da Nosa Señora da Saínza.

A Porqueira (escudo)


Decreto 169/1997, do 18 de xuño DOG núm. 128 (4 de xullo de 1997)
De azur (azul), e sobre ondas de prata (branco), unha torre donjonada de ouro (amarelo) flanqueada de dúas cabezas de xabaril de ouro e linguadas de gules (vermello). Ó timbre, coroa real pechada
Como motivo fundamental destas armerías disponse unha xustificada alusión á famosa fortaleza da Porqueira, excepcional protagonista do pasado medieval destas terras. Como necesarios complementos dispóñense as dúas cabezas de xabaril, o porco bravo, que teñen aquí un carácter parlante, así como unha ondas en alusión ó río Limia que serve de límite setentrional ó municipio, definíndoo dentro da gran comarca do mesmo nome.

Piñor (escudo)


Decreto 83/1999, do 11 de marzo DOG núm. 67 (9 de abril de 1999)
De ouro (amarelo), un piñeiro de sinople (verde), resaltado dunha serra da súa cor. Ó timbre, a coroa real pechada.
Os motivos que se traen ó campo deste sinxelo escudo, o piñeiro heráldico resaltado dunha serra, recordan as actividades económicas de maior importancia e preponderancia na vida destas terras. Isto é, as que se derivan do aproveitamento da súa notable riqueza forestal, dentro da cal é hoxe maioritaria, xustamente, a especie arbórea que se representa e que lle dá nome ó propio municipio.

Paderne de Allariz (escudo)


Decreto 192/1995, do 16 de xuño DOG núm. 126 (3 de xullo de 1995) Corrección de erros: DOG núm. 166 (30 de agosto de 1995)
De prata (branco), unha figueira arrincada de sinople (verde); bordura de gules (vermello), con dez torres de ouro (amarelo). Ó timbre, coroa real pechada
A figueira que se dispón no campo alude ó carácter emblemático que tal especie arbórea adquiriu nestas terras, onde son abundantes os topónimos dela derivados (Figueiredo, Figueiroa, etc). As torres dispostas na bordura aluden, xa por outra parte, ó lugar chamado da Torre, onde aínda se manteñen en pé importantes restos dunha edificación medieval –Torre Alta ou Torralta– con abundantes elementos datables nos séculos XII e XIII.

Oímbra (escudo)


Decreto 440/1996, do 13 de decembro DOG núm. 254 (31 de decembro de 1996)
De sinople (verde), unha folla de vide de ouro (amarelo), acompañada no baixo de dúas crucetas patés, ou ensanchadas, de gules (vermello). Mantelado de ouro, cunha oliveira da súa cor á destra e un castiñeiro do mesmo a sinistra. Bordura xeral de sabre (negro) con dez billetes de ouro. Ó timbre, coroa real pechada
Inclúense nas armas deste Municipio alusións á súa potencial vitivinícola e ós seus dous monumentos máis característicos: a capela de Santa Ana e a igrexa de Bousés. Nos manteis recóllense, como oportunos complementos, a oliveira e o castiñeiro, que son respectivamente as especies arbóreas máis antigas e máis abundante do termo municipal. Os billetes dispostos na bordura simbolizan finalmente os sillares da vella fortaleza que dominaba a capitalidade e, polo seu número, aluden ás parroquias que hoxe conforman o termo municipal.

Muíños (escudo)


Decreto 86/2008, do 10 de abril D.O.G. núm.84 (do 2 de maio de 2008)
En campo de prata (branco), en xefe encaixado de tres puntas altas de sinople (verde) cargado dunha ponte de ouro (amarelo) a dúas augas, sobre ondas de prata e azur (azul); bordo de gules (vermello) cargado de seis dolmens de prata en xefe e seis rodas de muíño de prata en punta. Ao timbre a coroa real pechada.
O encaixado de sinople representa a serra de Xurés, os picos de Fontefría e o carácter fronteirizo con Portugal; as ondas aluden aos ríos Limia e Salas; a ponte lembra a existente baixo as augas do encoro do Salas; as doce figuras do bordo indican as doce parroquias, as rodas de muíños simbolizan o topónimo do municipio e os muíños existentes e os dolmens representan as mámoas das civilizacións que se asentaron no val a ámbas marxes dos ríos.

Monterrei (escudo)


Decreto 48/2004, do 6 de febreiro DOG núm. 45 (4 de marzo de 2004)
De gules (vermello), un castelo de ouro (amarelo), acompañado na punta dunha vieira de prata; xefe de azur, cun libro aberto de ouro e dous acios do mesmo nos flancos; bordura de sable (negro) coa cadea de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.
Este emblema organízase con catro representacións da rica singularidade histórica do municipio. En primeiro lugar, a magnífica fortaleza que domina todo o val de Monterrei e o paso por estas terras da derivación xacobea da famosa Vía da Prata. Ela foi, ademais, cabeza e denominación de dúas coñecidas dignidades nobiliarias: o vizcondado concedido por Juan II a don Juan de Zúñiga e o propio condado que en 1474 concedeu Enrique IV a don Sancho Sánchez de Ulloa, señor da Casa de Ulloa, e á súa muller, dona Teresa de Zúñiga, filla do anterior. En segundo lugar disponse un xefe no que se alude á circunstancia memorable de ter asento aquí a primeira imprenta que houbo en Galicia, do que é testemuño o famoso Misal auriense, impreso en 1494, e á importante producción vinícola do val de Monterrei, que conta coa súa propia denominación de orixe. Como complemento moi oportuno, incorpórase nunha bordura, a acostumada alusión heráldica ós Zúñiga, que señorearon a terra e fortaleza de Monterrei, onde a súa pegada chegou ata a actualidade.

A Mezquita (escudo)


Decreto 136/1996, do 29 de marzo DOG núm. 76 (18 de abril de 1996)
De azur (azul), un cadeado de prata (branco) resaltado de dúas chaves de ouro (amarelo) dispostas en aspa; bordura de ouro con dez roeles de azur. Ó timbre, coroa real pechada.
O singular valor estratéxico que noutros tempos tiveron estas terras, como fronteirizas cos reinos de Portugal e Castela, queda simbolizado na súas armas, con preferencia a calquera outra posible representación, de acordo co sentir desta Corporación, por medio dun cadeado resaltado de dúas chaves. Como complemento oportuno disponse, ademais, unha bordura con dez roeles, que recordan as parroquias que hoxe conforman o termo municipal.

A Merca (escudo)


Decreto 55/1997, do 20 de febreiro DOG núm. 54 (19 de marzo de 1997)
De azur (azul), dúas faixas ondadas de prata (branco), acompañadas no alto de tres bezantes de ouro (amarelo), e na punta dunha cruceta paté, ou ensanchada, de prata, flanqueada doutros dous bezantes de ouro; bordura de prata con doce aspas de azur. Ó timbre, coroa real pechada.
Organízanse as armas deste Concello cunha alusión ó río Arnoia, que cruza o termo municipal polo seu centro, e ós cinco castros que se localizan a ambas marxes daquel, tres ó norte (A Peneda de Cebre, Outeiro de San Marcos e Castro Rodela) e dous ó sur (Castro de Orás e Corbillón). Como complementos tráense unha cruceta paté, ou ensanchada, disposta no centro da punta, que recorda a igrexa románica de San Pedro, e unha bordura con doce aspas que representan, xa por último, as parroquias que hoxe conforman o Municipio.

Melón (escudo)


Decreto 146/2004, do 25 de xuño DOG núm. 132 (9 de xullo de 2004)
De azur (azul), un báculo de ouro (amarelo), flanqueado por dúas cruces floronadas do mesmo e resaltado na punta de ondas de pratas (branco); brochante, sobre o todo, unha banda axadrezada en dúas ordes de prata (branco) e gules (vermello). Ó timbre, coroa real pechada.
As tres figuras que se traen ao campo –o báculo, as dúas cruces e a banda axadrezada– recordan neste escudo ao Mosteiro de Melón, que dá nome á municipalidade e que foi protagonista decisivo –verdadeiro reitor– do acontecer histórico destas terras. Como complemento oportuno inclúense as consabidas ondas de prata, que aluden aos ríos Brul, Cierves e Cortellas, coas pozas e fervenzas que singularizan o seu perfil xeográfico.