5 feb 2009

Monterrei (escudo)


Decreto 48/2004, do 6 de febreiro DOG núm. 45 (4 de marzo de 2004)
De gules (vermello), un castelo de ouro (amarelo), acompañado na punta dunha vieira de prata; xefe de azur, cun libro aberto de ouro e dous acios do mesmo nos flancos; bordura de sable (negro) coa cadea de ouro. Ó timbre, coroa real pechada.
Este emblema organízase con catro representacións da rica singularidade histórica do municipio. En primeiro lugar, a magnífica fortaleza que domina todo o val de Monterrei e o paso por estas terras da derivación xacobea da famosa Vía da Prata. Ela foi, ademais, cabeza e denominación de dúas coñecidas dignidades nobiliarias: o vizcondado concedido por Juan II a don Juan de Zúñiga e o propio condado que en 1474 concedeu Enrique IV a don Sancho Sánchez de Ulloa, señor da Casa de Ulloa, e á súa muller, dona Teresa de Zúñiga, filla do anterior. En segundo lugar disponse un xefe no que se alude á circunstancia memorable de ter asento aquí a primeira imprenta que houbo en Galicia, do que é testemuño o famoso Misal auriense, impreso en 1494, e á importante producción vinícola do val de Monterrei, que conta coa súa propia denominación de orixe. Como complemento moi oportuno, incorpórase nunha bordura, a acostumada alusión heráldica ós Zúñiga, que señorearon a terra e fortaleza de Monterrei, onde a súa pegada chegou ata a actualidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario