4 feb 2009

A Comisión Heráldica

A Comisión Heráldica da Consellaría de Presidencia é a encargada de tramitar a oficialización dos símbolos das entidades locais galegas. Aquí transcribo as súas funcións, os seus obxectivos e a normativa coa que desenvolve a súa actividade:
"Que é?
Os símbolos das entidades locais son a primeira imaxe que un cidadán percibe delas, xa que os identifican e diferencian, entre moitas outras cousas, doutras entidades. A heráldica é un sistema emblemático que tivo unha presenza continuada e importante en todo o mundo occidental dende a súa aparición, hai xa máis de oito séculos. Nese sentido, a aplicación da heráldica adquiriu particular importancia e desenvolvemento como signo de identidade para perpetuar e divulgar as peculiaridades históricas e xeográficas das corporacións locais e doutras entidades públicas.
A determinación e definición dos símbolos non debe ser algo irreflexivo e que responda a cuestións de índole arbitraria ou caprichosa dun momento pasaxeiro, senón que debe derivar dun estudo pormenorizado e serio, destacando os feitos históricos, culturais e significativos do territorio ao que vai representar, permanecendo no tempo e singularizando a propia poboación que vive nel.
En consideración a estas razóns, a Xunta de Galicia estableceu un procedemento regrado, á disposición gratuíta de todas as entidades locais, encamiñado a lograr estes obxectivos e dar así unha simboloxía propia a cada un dos solicitantes.

Comisión Heráldica
A Comisión Heráldica créase polo Decreto 258/92, do 10 de setembro, como órgano consultivo da Xunta de Galicia adscrito a Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza.
Normativa
Lei 5/97 do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no seu capítulo VI, artigos 258 a 262, regula "os símbolos das entidades locais". Decreto 369/1998 de 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión Heráldica; modificado polo Decreto 73/06, do 20 de abril, co fin de adaptalo á nova estructura e departamentos da Xunta de Galicia. Normativa de composición. O Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante a Orde do 13 de xullo de 2006 nomeou os membros que integran a Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia. Sesión constitutiva. Esta Comisión tivo a súa sesión constitutiva con data 28 de xullo do 2006 e quedou formada polos seguintes membros: Matilda Begoña Rodríguez Rumbo (presidenta); Carlos Acuña Rubio (vicepresidente); Miguel Pereira Figueroa, Jose Manuel García Iglesias, Jose García Oro, Eligio Rivas Quintáns, Francisco Fariña Busto (vogais); e Santiago Villanueva Álvarez (secretario).
Como funciona?
Ofrécese o procedemento para a aprobación e publicación dos símbolos dunha entidade local. Ademáis ofrécese a posibilidade de consultar os símbolos que xa estean aprobados mediante a busca por nome da entidade local. Neste caso, mostrarase para cada entidade local o símbolo que teña aprobado (sexa bandeira ou escudo) e mostrarase o propio símbolo acompañado polo seu decreto de aprobación.
Procedemento
PROCEDEMENTO DE ADOPCIÓN DE INSIGNIAS

Acordo do Pleno

O Pleno da Corporación ten a facultade de adoptar, por maioría simple, os acordos relativos á aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos e bandeiras a teor do disposto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia (art.64.2.b) e segundo o artigo 2.1 do Decreto 369/1998, modificado polo Decreto 73/06, do 20 de abril, co fin de adaptalo á nova estrutura e departamentos da Xunta de Galicia.

Información pública

O acordo plenario someterase a un trámite de información pública polo prazo dun mes mediante anuncios no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos, co obxecto de que se poidan efectuar alegacións. O Pleno da corporación correspondente resolverá as alegacións.

Documentación

Certificación do secretario da corporación sobre o acordo de Pleno, así como o cumprimento da información pública e a resolución de alegacións e, se é o caso, do acordo definitivo.
Memoria histórico-heráldica subscrita por un especialista nas mesmas materias na que se expoñan os fundamentos e as razóns que xustifican a proposta (no suposto de que o concello conte con esta; se non fora así, a comisión de heráldica realizará, sen ningún cargo, as correspondentes propostas á entidade local solicitante).
Dous exemplares orixinais do debuxo da icona proposta. (igual ca no anterior, se o concello dispusexe deste).
Aqueloutros documentos oportunos para complementar a proposta.
Remisión da documentación

A documentación á que se refire o artigo anterior será elevada pola entidade local á Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza.
Unha vez recibida, esta consellería solicitará o informe da Comisión Heráldica, no prazo de 30 días hábiles, quen, pola súa vez, poderá solicitar ditame da Real Academia Española da Historia ou doutra institución análoga.

Emisión do Informe

O informe da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, que terá carácter vinculante, deberase emitir no prazo de tres meses. Se no dito prazo non se recibise este informe ou outra comunicación ao respecto darase curso ao expediente sen máis trámite.
Segundo o artigo 47.1 da Lei de bases de réxime local, requírese o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros das corporacións para a adopción de acordos nas seguintes materias: adopción ou modificación da súa bandeira, insignia ou escudo".

En caso de informe favorable da comisión, o conselleiro de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza, elevará ao Consello da Xunta de Galicia a proposta de aprobación de expediente.
Deseguido procederase á publicación no DOG do correspondente decreto de adopción e aprobación do escudo ou bandeira.
En caso de informe non favorable, daráselle á entidade local un prazo de audiencia de dous meses, durante o cal poderá adoptar un novo acordo en pleno modificando a súa propia proposta para adecuala ás recomendacións da Comisión de Heráldica."

No hay comentarios:

Publicar un comentario